Monday 06 de May de 2024

O ilustrador e deseñador Xosé Vizoso presenta mañá venres en Brión a súa exposición “Carteis 1970-2014”


O prestixioso ilustrador, deseñador e ceramista Xosé Vizoso presentará mañá venres 15 de xaneiro a súa exposición “Carteis 1970-2014”, unha escolma dos carteis realizados ao longo dos últimos 44 anos por este artista mindoniense, residente en Brión. A mostra será inaugurada polo alcalde de Brión, José Luís García, na sala de exposicións municipal, ás 20:30 horas.

Ata o 26 de febreiro todos os veciños e visitantes que o desexen poderán coñecer a obra como cartelista de Xosé Vizoso, que exerceu a maior parte da súa carreira profesional vinculado a Sargadelos e a Isaac Díaz Pardo. De feito, os seus deseños convertéronse nun referente iconográfico dunha cerámica, valorada e apreciada no mundo enteiro, que representa como ningunha outra a identidade da Galicia da segunda metade do século XX. Creou ducias de pezas de cerámica, deseñou centos de libros e ilustrou moitos deles. É autor de máis dun cento de carteis de festas, congresos, etc. Escenógrafo, pintou grandes murais e deseñou diversas exposicións.

Como cartelista, ao longo dos últimos 44 anos Vizoso elaborou a man centos de carteis de numerosas e prestixiosas festas de Galicia como a Romaría de Santa Minia, as San Lucas de Mondoñedo, a festa da Queimada en Cervo… Xosé Neira Vilas escribiu que “os carteis de Vizoso van moito máis alá dun anuncio, da noticia dunha festa, da información de urxencia sobre un evento social ou cultural. Non son carteis para ver dun saque e seguir, senón pezas artísticas para contemplar con lecer, con delectación estética”.

A exposición, que viu a luz por primeira vez da man da “Asociación As San Lucas de Mondoñedo” e que antes de chegar a Brión percorreu outras localidades galegas, servirá tamén como unha gran homenaxe que o Concello de Brión lle fará a un dos seus veciños máis ilustres e que máis colabora coa vida cultural do municipio.